Thursday 28 de March de 2024

A V Semana do Patrimonio Invisible pon ao descuberto os espazos máis descoñecidos de Compostela


O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a presentación da V edición da Semana do Patrimonio Invisible (SPI), que se vai desenvolver entre o 12 e o 17 de setembro nunha decena de lugares da cidade normalmente non accesibles para o público xeral. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón e o director de Trivium, César Abella, foron os encargados de debullar o programa da edición 2022 da SPI.

Un total de 638 persoas van poder gozar das 50 visitas que a SPI vai realizar a 10 lugares, entre elas, dúas visitas secretas que se desenvolverán no serán do 16 de setembro e un percorrido nocturno pola Compostela máis oculta, dentro da celebración da Noite do Patrimonio, o 17 de setembro. Ademais, o Convento de San Francisco, a capela e o cemiterio da Confraría do Rosario en San Domingos de Bonaval e o Arquivo Histórico Universitario son outras tres das novas incorporacións ao programa da SPI. Xunto a elas, en resposta á gran demanda que determinados espazos tiveron nas pasadas edicións, visitarase a Tribuna da Catedral, a Fundación Laboral de la Construcción, a Facultade de Xeografía e Historia, o Colexio de Fonseca e, na tarde do mércores 14 de setembro, os mananciais composteláns de Ponte Mantible e Fonte Branca.

As visitas, cunha duración aproximada dunha hora, estarán integradas por grupos de 15 persoas, agás no caso dos mananciais, onde a peculiaridade do espazo reduce os grupos de acceso a 6 persoas, que comezarán o seu percorrido arredor da arquitectura da auga en Compostela en quendas que sairán cada 15 minutos.

A apertura das inscricións terá lugar o próximo venres, día 9 de setembro, ás 17 horas a través do apartado de reservas da web patrimonioinvisible.gal.

Outros eventos
Ademais das visitas guiadas, o programa complétase con dúas propostas musicais e escénicas:
– Concerto do Coro Capela Antiga arredor de cantorais de Polifonía da Catedral o martes 13, ás 20.30 h, en Santo Agostiño
– Celebración da Noite do Patrimonio organizada, como cada ano, de forma conxunta co Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Será o sábado 17 cun percorrido nocturno pola Compostela máis oculta e o espectáculo de danza ‘Los perros’ de Led Silhouette e Marcos Morau na Igrexa da Universidade.

Ambos concertos serán de balde previa retirada de convites en compostelacultura.gal.